Marea Pontevedra convoca dúas xornadas abertas para elaborar as bases do seu programa electoral

Pontevedra
20 de novembro 2014

A plataforma espera pactar un "esqueleto de programa para logo debatilo nos barrios". Tras este paso traballarán na convocatoria de primarias abertas de cara ás próximas eleccións municipais

Rolda de prensa de Marea Pontevedra PontevedraViva

Marea Pontevedra segue a dar pasos adiante no seu obxectivo de presentarse ás próximas eleccións municipais.

O colectivo convocou dúas "xornadas programáticas abertas" das que sairá "un esqueleto de programa para logo debatilo nos barrios", sinalou o seu voceiro, Guillermo Casalderrey.

Ambas as dúas xornadas desenvolveranse no Centro Social Leste, a primeira delas o venres 21 ás 19:30 horas e a segunda un día despois, o sábado 22 ás 10:30 horas, citas ás que se invita a toda a cidadanía.

Segundo explicou o colectivo, elaboraranse varios bloques de traballo, con especial atención á transparencia, ao modelo económico, urbanismo, políticas sociais e políticas culturais.

Unha vez elaborado o programa, Marea Pontevedra avanzará na preparación dunhas primarias abertas para elixir candidato á alcaldía.

O seu manifesto fundacional foi subscrito por 54 persoas de diferentes ámbitos profesionais e asociacións, unha cifra que xa "multiplicouse por catro", asegurou outra das súas representantes, Luisa Torres.