Marea Pontevedra quere evitar o dragado do río Lérez

Pontevedra
18 de novembro 2016

Para Marea Pontevedra "o imprescindible é recuperar a natureza do río e non ir contra a natureza para satisfacer os intereses dunha minoría usuaria do Porto deportivo"

Instalacións do Clube Naval de Pontevedra Mónica Patxot

Marea Pontevedra presentou esta semana unha proposta, que será debatida no pleno deste luns 21 de novembro, para evitar o dragado do río Lérez.

Entenden que dragar é "caro, inútil e contraproducente" xa que implica gravísimos danos para o ecosistema. Entre outras razóns, argumentan que "o río non só é a auga que se observa. Se o que se quere é limpar o río, as enchentes son as que limpan".

Para Marea Pontevedra "o imprescindible é recuperar a natureza do río e non ir contra a natureza para satisfacer os intereses dunha minoría usuaria do Porto deportivo".

Neste senso engaden que "se existen construcións de dubidosa legalidade ou de impacto ambiental grave o que cómpre é desmantelalas".

Segundo Marea Pontevedra a propia lexislación europea ten moi limitados os dragados por ser unha práctica "insostible económica e ecoloxicamente".

"O río ten vida propia e non queda máis remedio que entender as súas dinámicas. Non se trata de adaptar o río e de canalizalo; algo, polo demais, imposible. O río seguirá sedimentando onde teña que facelo ou onde lle sexa posible. Isto é o perigoso a medio e longo prazo", din dende Marea.

Esta formación política recorda que o concello de Pontevedra ten 5 quilómetros de fachada marítima "e nos últimos 17 anos non se gañou un só metro na recuperación do litoral, senón que seguiu agravándose a situación".

Marea Pontevedra di ter localizadas ata sete "agresións graves" na desembocadura do río Lérez, e citan o enlace da autoestrada AP-9, o edificio da Garda Civil, o porto deportivo, as naves da administración provincial na Xunqueira do Alba, a gasolineira e edificios da ponte do Burgo, verteduras directas entre a ponte de Santiago e a ponte dos Tirantes e as cocheiras do Ministerio de Fomento.

A esta lista engaden outras sete "agresións" máis no fondo da ría: a autovía a Marín, as cocheiras de Monbus, o macronudo-rotonda da AP-9, o complexo Ence-Elnosa, a liña ferroviaria, os recheos do porto, e a xunqueira de Gandarela.