Marea, PSOE e Cidadáns presentan unha moción conxunta para modificar o pagamento do IBI

Pontevedra
19 de xaneiro 2018

Pretenden que se modifique a recadación deste imposto para partir do ano 2019 para que as familias numerosas ou con poucos recursos poden verse beneficiados por bonificacións que poderían chegar ao 90% 

Luís Rei, Paloma Castro e María Rey presentan no rexistro a moción sobre o IBI
Luís Rei, Paloma Castro e María Rey presentan no rexistro a moción sobre o IBI / PontevedraViva

Os grupos municipais de Marea Pontevedra, PSOE e Cidadáns presentaron este venres no rexistro municipal unha moción conxunta que levarán para o seu debate ao Pleno da Corporación.

O texto pactado entre as tres agrupacións busca reformar a recadación do Imposto de Bens Inmobles (IBI) para beneficiar ás familias numerosas con ingresos reducidos.

"O que queremos é que a partir de 2019 poida fraccionarse o pagamento do IBI no Concello de Pontevedra e que igualmente a modificación potestativa para familias numerosas amplíe a xenerosidade e comprensión con esas familias", explicou o representante de Marea, Luís Rei.

Actualmente as bonificacións ás que poden acceder os cidadáns oscilan entre o 10 e o 30%, pero de saír adiante esta modificación podería chegar ao 90% no caso de familias con ingresos inferiores aos 6.360 euros anuais por membro, mentres que os perciban entre 6.360 e 8.130 euros poderían reclamar un 50% de bonificación.

Ademais na moción inclúese tamén aos inquilinos de vivendas de protección oficial que por contrato deben pagar a contribución.

"Na actualidade as bonificacións que hai para familias numerosas son irrisorias", sinalou a socialista Paloma Castro, mentres que a edil de Cidadáns, María Rey, declarou que "entendemos que en un ayuntamiento que hay superávit los vecinos y las vecinas tienen que empezar a notar en sus bolsillos que hay más dinero".

Esta moción baséase no texto elaborado por Marea modificado coas emendas presentadas polo Partido Socialista e Cidadáns.

Segundo os seus impulsores, a modificación do IBI afectaría directamente a 1.000 familias, ou o que é o mesmo a preto de 5.000 pontevedreses.