Preto de 750 participantes, entre inscritos e colaboradores, formarán parte este domingo da tradicional Andaina de Campo Lameiro.
A cita, organizada polo Concello e o Campo Lameiro CD, supera de longo o rexistro do pasado ano, cando se alcanzaron os 650 participantes.
Nesta cuarta edición, as cifras superaron a previsión da organización, que se atopou coas 700 prazas previstas cubertas dez días antes do peche oficial de inscricións.
Esta avalancha deixou fóra a numerosos interesados que non chegaron a tempo a formalizar a súa participación.
Desde a organización sinalan que o éxito desta convocatoria "demostra que a paisaxe do noso Concello, a amabilidade dos veciños e o espírito solidario da proba son unha garantía de éxito".
Neste sentido, indiaron que cada participante achega 5 euros que van destinados integramente á Fundación Andrea, unha entidade sen ánimo de lucro que presta apoio a familias con nenos que padecen enfermidades crónicas, de longa duración ou terminais.
Concello e Campo Lameiro CD quixeron agradecer publicamente a todos os veciños pola súa implicación no desenvolvemento e organización do evento, que xa se consolidou como unha das citas sociais e deportivas de referencia na comarca.