Marfrío asina un convenio colectivo con 2.000 euros anuais de salario por encima do sector

Pontevedra
07 de xuño 2017

O secretario xeral de CC OO-Industria de Pontevedra, Avelino García Martínez, compara o acordo logrado en Marfrío coa situación que vive o resto do sector de produtos do mar con procesos de conxelación e refrixeración onde concluíu sen acordo algún a negociación do convenio que afecta a un bo número de empresas situadas no porto de Marín

Nave de Marfrío no Porto de Marín
Nave de Marfrío no Porto de Marín

Marfrío acaba de asinar un convenio colectivo de empresa no que o salario mínimo anual situarase en xaneiro do 2018 en 14.000 euros brutos anuais, 2.000 euros anuais máis que o salario fixado no convenio do sector.

O secretario xeral de CC OO-Industria de Pontevedra, Avelino García Martínez, compara o acordo logrado en Marfrío coa situación que vive o resto do sector de produtos do mar con procesos de conxelación e refrixeración onde concluíu sen acordo algún a negociación do convenio que afecta a un bo número de empresas situadas no porto de Marín.

Para Comisiones Obreiras "é evidente que as empresas do sector de elaborados do produto do mar teñen marxe para incrementar os salarios e mellorar as condicións de traballo, pero están a optar por unha política de salarios baixos para mellorar os seus beneficios empresariais", denuncia o sindicato.

CC OO vai realizar nos próximos días asembleas en todas as empresas do sector, para confeccionar unha nova plataforma reivindicativa, e insta á patronal Conxemar ao comezo de novas negociacións do convenio colectivo, "cunha nova perspectiva de mellora substancial de condicións de traballo e salarios", indica Avelino García.