María Jesús Lorenzana escolle a conserveira Orbe de Ponte Caldelas para anunciar novas axudas a empresas

Ponte Caldelas
16 de xaneiro 2026
Actualizado: 17 de xaneiro

A Xunta de Galicia activou este venres 13 as principais liñas de axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) previstas para 2026, que mobilizan 180 millóns de euros

Visita de María Jesús Lorenzana a Conservas Orbe
Visita de María Jesús Lorenzana a Conservas Orbe / Xunta de Galicia

A conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, elixiu este venres unha visita a Ponte Caldelas para anunciar novas axudas a empresas.

Lorenzana visitou as instalacións da conserveira Orbe, da que destacou que está "absolutamente internacionalizada".

Puxo tamén en valor que fai unha importante aposta pola innovación e está comprometida coa responsabilidade social empresarial.

Durante a visita, deu a coñecer que a Xunta de Galicia activou este venres, coa publicación no Diario Oficial de Galicia, 13 das principais liñas de axuda do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) previstas para 2026.

Estas axuda mobilizan 180 millóns de euros e configuran un dos maiores paquetes de apoio empresarial anticipados postos en marcha pola Administración autonómica. 

A conselleira explicou que é a segunda vez que a Xunta publica a inicios de ano a maior parte do catálogo de axudas do Igape "para que o empresariado saiba con que vai poder contar e poida organizar os seus investimentos e actividades de forma acompasada con estes acompañamentos".

Este mesmo sábado abren o seu prazo de presentación de solicitudes unhas axudas que son novidade este ano: o programa Industria Innova que mobiliza 30 millóns de euros para apoiar proxectos de investigación industrial nas empresas galegas.

Visita de María Jesús Lorenzana a Conservas Orbe en Ponte Caldelas
Visita de María Jesús Lorenzana a Conservas Orbe en Ponte CaldelasXunta de Galicia

Este sábado tamén estará xa dispoñible outras das liñas de apoio que tivo moi boa acollida o pasado ano e que se reformula, desta vez, para ampliala ao sector industrial.

Trátase da liña IA 360, para incentivar o uso desta ferramenta nos procesos industriais e no deseño e comercialización de novos produtos ou servizos, que implica 10 millóns de euros.

Tamén se abre o prazo de solicitudes para outro dos programas de innovación, o Igape Innova, dotado con 4 millóns de euros.

A partir do 26 de xaneiro abren a liña de préstamos directos, que ten un orzamento de 62 millóns, e a partir do 28 de xaneiro, a liña de atracción de empresas, que implica 33,5 millóns.

Tamén presentou Lorenzana as axudas a startups (1,5 millóns), o Tícket Innova (1 millóns), e outras xa consolidadas en internacionalización como o Galicia Exporta Organismos Intermedios (1,7 millóns), o Programa Foexga (2,3 millóns) e o Galicia Exporta Empresas (9 millóns).