María José Rodríguez Teso e Rafael Domínguez arrouparán a Jacobo Moreira á fronte do PP local

Pontevedra
22 de xullo 2014

Rodríguez Teso, actual vicevoceira do grupo municipal do PP no Concello de Pontevedra, ocupará a secretaría xeral do comité executivo que resultou elixido no recente congreso local. Xunto a ela, Rafael Domínguez exercerá de tesoureiro, un cargo no que substitúe a Lupe Murillo, a persoa que ostentaba a devandita responsabilidade na executiva de Telmo Martín

María José Rodríguez Teso, Jacobo Moreira e Rafael Domínguez, na sede do PP
María José Rodríguez Teso, Jacobo Moreira e Rafael Domínguez, na sede do PP / Diego Torrado

María José Rodríguez Teso e Rafael Domínguez serán as dúas persoas de maior confianza para Jacobo Moreira dentro do novo comité executivo local do Partido Popular en Pontevedra. Así se desvelou tras a reunión constituínte deste órgano do partido, celebrada na noite do luns na sede popular da rúa Oliva.

Rodríguez Teso, actual vicevoceira do grupo municipal do PP no Concello de Pontevedra, ocupará a secretaría xeral do comité executivo que resultou elixido no recente congreso local. Xunto a ela, Rafael Domínguez exercerá de tesoureiro, un cargo no que substitúe a Lupe Murillo, a persoa que ostentaba a devandita responsabilidade na executiva de Telmo Martín.

Na xuntanza concretouse tamén o organigrama que terá o partido a partir de agora. Ademais dos cargos de presidente, secretaria xeral e tesoureiro, haberá vicesecretarías de asuntos xurídicos, relacións con asociacións veciñais e colectivos, e de procesos electorais

A maiores, formaranse comités de emprego, economía e comercio, acción política, urbanismo e ordenación do territorio, obras públicas, educación, políticas sociais, cultura e festas, deportes, servizos públicos, novas tecnoloxías, e comunicación e turismo. Outros órganos serán o consello asesor, a oficina do cidadán e o valedor do afiliado.