A alcaldesa de Marín, María Ramallo, protagonizou este venres a recepción oficial ao batallón de alumnos e alumnas da Escola Naval Militar que comezan este ano o seu primeiro curso.
A promoción, especialmente numerosa, gozou ademais da súa primeira saída oficial fóra do centro castrense.
Durante o acto celebrado no Salón de Plenos do Concello, a rexedora expresou a súa satisfacción por poder acoller os recentemente chegados e desexoulles "todos os acertos nesta nova etapa académica, para a que sei que vos preparastes con moito traballo e esforzo", en referencia á elevada nota de corte necesaria para acceder.
María Ramallo ademais subliñou o carácter único de Marín como sede desta formación militar.
Como broche á xornada, alumnado e autoridades realizaron a tradicional fotografía de grupo na escalinata exterior do Concello, dando así a benvida oficial e pública a esta promoción.
Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde
Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.