María Rey (Ciudadanos): "Cometimos erros, pero de todo se aprende e seguiremos"

Pontevedra
26 de setembro 2016

A portavoz de Ciudadanos no Concello de Pontevedra, María Rey, amosouse preocupada polo ascenso do Partido Popular e polo descenso do seu partido. Afirma que se lanzaron a estas autonómicas cunha estrutura moi pequena

Acto electoral da campaña do 25-S con Albert Rivera en Pontevedra
Acto electoral da campaña do 25-S con Albert Rivera en Pontevedra / Mónica Patxot

A portavoz da agrupación política Ciudadanos en Pontevedra, María Rey, mostrábase preocupada polo ascenso do Partido Popular nestas últimas eleccións autonómicas e polo descenso de votos do seu partido. Pero manifestou que o seu partido exponse os retos electorais como un traballo de fondo porque non viñeron a realizar un "sprint".

Xustificou os resultados en que Cidadáns leva unha evolución de pouco máis dun ano. Durante ese tempo lograron entrar no Parlamento Europeo, ter representación en 752 concellos e en doce comunidades autónomas, ademais de no Congreso dos Deputados. Con todo, recoñece que apenas teñen organizacións nas cidades de Galicia e afirma que se lanzaron a estas eleccións autonómicas cunha estrutura moi pequena.

María Rey mostrou a súa confianza na candidata Cristina Losada sinalando que conta con todo o apoio do partido. "Tan culpable pode ser ela coma todos nós", asegurou.

A representante de Ciudadanos afirma que cometeron erros pero que aprenderán destes fallos e continuarán traballando porque case 50.000 votantes confían no proxecto do partido que lidera Albert Rivera.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora
Arquivado en