Marín abre o prazo de presentación de ofertas para construír o Auditorio

Marín
13 de setembro 2019

"Trátase do pistoletazo de saída a unha das infraestruturas máis demandadas pola sociedade marinense", afirmou este venres a alcaldesa, María Ramallo, en rolda de prensa

Manuel Santos, María Ramallo e Marián Sanmartín
Manuel Santos, María Ramallo e Marián Sanmartín / Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, acompañada polos concelleiros Marián Sanmartín e Manuel Santos, anunciou este venres a finalización da elaboración dos pregos de contratación do Auditorio.

Agora, ábrese o prazo de presentación de ofertas, que terá unha duración dun mes. A empresa que saia escollida do concurso público terá despois ata catro meses para redactar o proxecto construtivo, que será o que finalmente se licite e se leve adiante para erixir "un equipamento cultural moi demandado pola sociedade marinense", afirmou a alcaldesa.

Segundo a rexedora, este trámite supón o "pistoletazo de saída" a unha das actuacións principais da Estratexia EDUSI Marín 2020, financiada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional. Estes fondos europeos cubrirán un 80% do custo total da obra, que ascende a 4 millóns de euros (IVE incluído). O 10% restante será abonado cos recursos propios do Concello, contemplados no seu Plan Orzamentario do 2019.

O edificio situarase na parcela que actualmente existe detrás da marquesiña e das canchas deportivas da Praza de España. A superficie total dela é de 2.000 metros cadrados.

A alcaldesa insistiu na idea que ten o Concello de crear un equipamento que non sexa "un centro cultural ao uso, senón que poida servir como espazo polivalente para albergar exposicións e todo tipo de actividades culturais".

O proxecto que presenten os técnicos ou arquitectos que se animen a presentar a súa oferta terá que coidar a estética do edificio, a súa capacidade e volume e que teña un deseño que se integre a nivel paisaxístico co espazo portuario e costeiro no que se emprazará o Auditorio.

Precisamente, a intención do Concello é a de mellorar a imaxe deste espazo pertencente ao núcleo urbano da vila, facendo del un centro neurálxico do ocio e a cultura no municipio.