Un comité de expertos avaliará as ofertas para o auditorio

Marín
16 de novembro 2019

Neste órgano, que despois trasladará as súas conclusións á mesa de contratación, estarán representados, ademais do Concello, o Porto de Marín, a Xunta e o Colexio de Arquitectos de Galicia

Imaxen aérea do Porto de Marín
Imaxen aérea do Porto de Marín /

O proxecto da construción do auditorio continúa a súa andaina burocrática co nomeamento oficial do comité de expertos, un órgano que, segundo informou a alcaldesa, María Ramallo, "terá como función avaliar e puntuar, conforme aos pregos que se aprobaron no seu día, as ofertas que se presentaron para a redacción do proxecto do noso centro cultural".

Este comité reunirase nos próximos días para analizar esas opcións que están sobre a mesa. Unha vez o faga, trasladaralle as súas conclusións á mesa de contratación, que será a encargada, finalmente, de licitar as obras.

Segundo explicou Ramallo, a composición deste comité de expertos responde á necesidade de englobar neste órgano tan relevante a persoas cun perfil técnico e experto en materia urbanística e que sexan representantes das administracións que forman parte do proxecto.

Desta maneira, ademais do Concello de Marín, formará parte neste comité o Porto de Marín, dado que é o propietario dos terreos (que están cedidos en uso ao Concello) e a Xunta de Galicia, que aportará dous millóns de euros ao presuposto do auditorio. Os outros dous millóns que compoñen a contía total da obra son aportados polos Fondos Europeos FEDER, dentro da Estratexia EDUSI - Marín 2020.

Serán diversas cuestións técnicas, estéticas e de utilidade as que deberán avaliar os membros do comité de expertos, como que os proxectos cumpren coas normativas de edificabilidade incluídas no Plan Especial do Porto ou o tratamento que se fai nas ofertas dos volumes, os materiais e a estética xeral que se prantexa para o equipamento cultural da vila.

Tamén estudarán se as propostas inclúen o requisito, recollido nos pregos, de conseguir romper esa barreira visual que impón o cerramento do Porto, para o que se propón a incorporación de arborado en zonas específicas da rada, co obxectivo de minimizar o impacto tanto do peche da instalación como das naves.

O comité de expertos considerará fundamental que nas propostas estea incluída unha solución funcional que ordene adecuadamente os fluxos circulatorios de entrada e saída do Porto, permitindo que se acceda desde o centro urbano tanto ao recinto da rada como ao aparcadoiro subterráneo do auditorio.

Esta solución debe ter en conta a maniobrabilidade dos vehículos que acceden á zona portuaria, que precisan de medidas adaptadas, como os transportes especiais de tramos de éolicos.