Marín abre o prazo para solicitar fogueiras de San Xoán e urxe a limpeza de parcelas para loitar contra os incendios

Marín
12 de xuño 2024

O Concello de Marín vén de abrir o prazo para solicitar o acendido de fogueiras tanto para a noite do 23 de xuño como na festividade de San Pedro, desde este mércores e ata o día 20, ambos inclusive

Roza de parcelas
Roza de parcelas

O Concello de Marín vén de abrir o prazo para solicitar o acendido de fogueiras tanto para a noite do 23 de xuño como na festividade de San Pedro, desde este mércores e ata o día 20, ambos inclusive.

Para presentalo, pode facerse a través da sede electrónica ou de xeito físico no edificio consistorial.

En canto ás normas de obrigado cumprimento, o Concello lembra que está prohibido levar a cabo cacharelas sobre as vías públicas pavimentadas, praias, xardíns ou zonas verdes e baixo tendidos eléctricos e telefónicos. 

LIMPEZA DE PARCELAS

Desde hai uns días, as persoas propietarias de parcelas que colindan con vivendas ou núcleos urbanos están a recibir por parte da Xunta de Galicia o aviso da obligatoriedad de limpalas. 

Trátase dunha obriga recollida na lexislación autonómica da Lei 3/2007 de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que en Marín está cuberta a través do convenio firmado entre a Xunta de Galicia e Seaga e a través do Plan Municipal de Prevención e Defensa contra os incendios forestais de Marín.

O concelleiro Pablo Novas explica que esta carta serve como recordatorio desta obriga para os propietarios. O obxectivo “é manter limpas de biomasa as coñecidas franxas secundarias, que son aquelas que protexen as vivendas e que se están en boas condicións serven como cortalumes se se dá un incendio”. Ademais, isto supón a eliminación das especies arbóreas máis pirófitas presentes na nosa zona, que son principalmente o eucalipto, o piñeiro e a acacia.

Novas recalca que todas as persoas que teñan dúbidas con respecto a este tema “poden poñerse en contacto co Concello ou achegarse ata aquí e así poderemos axudalos co seu caso”.

O verán é o momento de maior risco forestal e por iso, tanto desde as propiedades privadas como desde a Administración local, é fundamental actuar con prevención e estratexia, para evitar males maiores no caso que se produza un incendio.