A celebración de San Xoán terá este ano unha baixa importante na cidade de Pontevedra. Non se celebrará a habitual cacharela da asociación de veciños de Eduardo Pondal.
A propia asociación comunicou a decisión a través dun comunicado no que explica que foi unha decisión adoptada "moi ao noso pesar" despois de varias reunións ordinarias da Xunta directiva e dunha asemblea de socios.
A directiva lamenta "profundamente" esta decisión e anuncia que a súa intención é poder recuperar o ano que ven esta cacharela, e a sardiñada que acompañaba cada ano á celebración.
Desde o colectivo veciñal explican que tomaron esta decisión porque a noite de San Xoán recae este ano en domingo, do domingo 23 ao luns 24, e isto supón "unha serie de problemas tanto loxísticos coma humanos difíciles de solucionar".
Así, entre os motivos principais da cancelación falan da imposibilidade de ofrecer sardiña fresca en domingo. Valoraron utilizar sardiña conxelada, pero non teñen a capacidade de almacenar en frío o produto ata o seu uso.
Tamén tomaron a decisión pola imposibilidade de conseguir almacenaxe frío para bebidas durante 24 horas e polo esforzo humano que suporía toda esta organización, xa que faría falta o dobre de persoas e o dobre de esforzo por parte de todas elas "para que a sardiñada mantivera o nivel desexado".