Unha decena de fogueiras veciñais iluminarán a noite de San Xoán en Pontevedra

Pontevedra
21 de xuño 2024

O Concello de Pontevedra autorizou un total de 153 fogueiras para a noite de San Xoán deste próximo domingo 23 de xuño, correspondendo unha decena destes permisos a entidades veciñais e sociais do municipio

Cacharela de San Xoán da Asociación de Veciños Eduardo Pondal
Cacharela de San Xoán da Asociación de Veciños Eduardo Pondal / Mónica Patxot

Pontevedra prepárase para a noite máis curta e 'meiga' do ano, San Xoán.

Segundo confirmou o Concello, autorizáronse 153 fogueiras no municipio tras a pertinente comunicación.

A gran ausencia da noite será a cacharela que organizaba tradicionalmente a Asociación de Veciños Eduardo Pondal, pero outras dez entidades veciñais e sociais da Boa Vila si organizarán fogueiras.

Trátase da Asociación Veciñal A Pedreira (nos terreos da antiga Tafisa), Cultural de Mourente, Cultural da Piolla, Amigos do Camiño Portugués, O Mirador de Monte Porreiro, Casino Mercantil, Asociación Recreativa de Xeve, Asociación de Veciños de Ponte Muíños, Salcedo Norte e a Comisión de Festas de San Cibrán de Tomeza.

En canto aos particulares, recibíronse peticións desde todas as parroquias e tamén en zonas perimetrais da cidade.