A Asociación Arela e a Xunta de Galicia poñen en marcha o programa Convive Comigo, un proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivie con adolescentes que teñan que cumprir unha medida xudicial que consista na convivencia con tra persoa, familia ou grupo educativo.
A concelleira de Benestar Social, Marián Sanmartín, reuniuse de forma telemática esta mañá cunha técnica de Arela para ofrecer a colaboración do Concello e dar visibilidade a esta necesidade para conseguirun banco de fogares voluntarios no territorio marinense.
O programa busca familias que queiran facer unha aposta temporal por un adolescente con dificultades. Un ambiente socializador e positivo permitirá aos mozos modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial para que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos ou actitudes cando regresen coas súas familias de orixe.
Os requisitos para formar parte deste programa pasan por ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, compromiso para traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade. Valorarase de forma positiva a formación relacionada coas ciencias sociais, a experiencia en programas de acollida familiar e ter unha predisposición para ser formados en diferentes temáticas.
Para contribuír cos gastos, Arela ofrece un financiamento de 40 euros diarios durante os meses que o adolescente permaneza coa familia.