Marín busca unha sede definitiva para o Museo do Mar

Marín
08 de xuño 2026

A intención compartida é que o Museo do Mar poida contar finalmente cunha sede definitiva que garanta a conservación do seu patrimonio e reforce o seu papel na difusión da cultura marítima

Reunión na Autoridade Portuaria
Reunión na Autoridade Portuaria / Autoridade Portuaría de Marín e Ría de Pontevedra

O futuro do Museo do Mar de Marín deu un novo paso tras a reunión mantida este luns entre os responsables da entidade museística, o presidente da Autoridade Portuaria, José Benito Suárez Costa, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo. O encontro serviu para abordar unha das principais demandas do museo que é atopar un espazo estable e axeitado que permita garantir o seu crecemento e consolidación.

Durante os últimos anos, o Museo do Mar desenvolveu a súa actividade nas instalacións cedidas por Abanca, un emprazamento que resultou fundamental para a posta en marcha do proxecto.

Porén, o continuo incremento dos fondos expositivos e documentais, así como a intensa labor de divulgación da historia marítima e da identidade mariñeira da vila, fan necesario contar cunhas dependencias máis amplas e adaptadas ás necesidades actuais.

A procura dunha nova localización conta ademais co respaldo de distintos colectivos e profesionais como o  Colexio Provincial de Arquitectos que colaborou na análise das posibilidades que permitan dotar ao museo dun espazo acorde coa relevancia que foi adquirindo ao longo dos anos.

As administracións implicadas coinciden en que a solución deberá atoparse nun lugar que reúna as condicións axeitadas para albergar a colección e desenvolver as actividades culturais e educativas que promove a entidade. Entre as opcións que se estudarán figuran distintos inmobles situados en espazos cedidos polo Porto para uso cidadán, sen descartar outras alternativas dentro do municipio.

Tanto o Concello como a Autoridade Portuaria expresaron o seu compromiso de continuar traballando de maneira coordinada nas próximas semanas. Para iso, está previsto manter novos encontros nos que tamén participarán técnicos e arquitectos especializados co obxectivo de avanzar cara a unha proposta viable.

A intención compartida é que o Museo do Mar poida contar finalmente cunha sede definitiva que garanta a conservación do seu patrimonio e reforzar o seu papel como referente na difusión da cultura marítima de Marín.