A Festa Corsaria que fixo vibrar á vila o pasado sábado ten un balance "plenamente satisfactorio".
Así o expresou o alcaldesa de Marín, María Ramallo, que pasada a fin de semana marcada por esta festividade, que se vén celebrando desde o 2012, asegura que está "no mellor punto posible".
Con moitos establecementos de hostalaría implicados, a través da ampliación de terrazas, e un "récord total" de mesas de particulares autorizadas para comidas e ceas, desde o Concello non se dubida en afirmar que foi "a edición máis multitudinaria".
"Xa o venres houbo unha maior participación da que nos esperábamos, pero é que o sábado, Marín estaba cheo, cunha climatoloxía ideal que tamén acompañou", dixo Ramallo.
Houbo un "ambiente fantástico" durante todo o día "e sobre todo unha gran participación tanto de colectivos de Marín como de grupos de persoas que se xuntan e fan un enorme traballo de decoración e de indumentaria que mantén viva e fai crecer a alma da festa", engadiu a rexedora.
Por outro lado, Ramallo quixo agradecer o labor tanto da plantilla da Policía Local, "coa que fixemos unha ampliación para reforzar a presenza de axentes" e á Policía Nacional.
"Tiñamos moi coordinado o traballo grazas ao Plan de Seguridade que elaboramos para a festa e que por sorte funcionou perfectamente, sendo unha xornada e unha noite sen maiores incidentes e tranquila a pesar da enorme afluencia de xente durante todas as horas".