Marín e Poio ultiman os preparativos para as súas respectivas cabalgatas de Reis

Marín
04 de xaneiro 2015

En Poio, como xa é tradicional, o desfile comezará ás 16.00 horas dende as inmediacións da Casa Consistorial. Pola súa banda, en Marín a cabalgata será ás 18.00 horas e partirá da avenida de Ourense

Cabalgata de Reis polas rúas de Pontevedra Diego Torrado

Os Reis Magos terán traballo extra este luns. Ademais de repartir os regalos dos nenos pontevedreses durante a noite, dende primeira hora da mañá deixaranse ver por numerosas localidades, recibindo os últimos encargos para este día tan especial. E pola tarde, ademais das cabalgatas de Pontevedra e Sanxenxo, estarán tamén noutros dous municipios da ría: Marín e Poio.

En Poio, como xa é tradicional, Melchor, Gaspar e Baltasar percorrerán gran parte do municipio antes de participar na tradicional festa que se celebra no pavillón da Seca.

O desfile comezará ás 16.00 horas dende as inmediacións da Casa Consistorial. A primeira parada realizarase entre a Praza do Mosteiro e o peirao de Campelo e a continuación, trasladaranse a Lourido, A Barca e as parroquias de San Xoan, Samieira e Raxó.

Pola súa banda, en Marín a cabalgata comezará ás 18.00 horas. Sairá da avenida de Ourense e transcorrerá pola Praza de España e as rúas Almuíña, Jaime Janer e Concepción Areal. Está previsto que finalice sobre as 19.30 horas, momento no que se recreará o tradicional belén vivente no parque Eguren.

Ademais, dende as nove e media da mañá, unha comitiva real formada por tres todoterreos cedidos pola Escola Naval percorrerá diferentes lugares do municipio como Cantodarea, San Xulián, Santo Tomé de Piñeiro, Ardán, Seixo e Mogor, así como a residencia da terceira idade e o comedor de San Vicente de Paúl.

En ambos os dous municipios, Policía Local e Protección Civil despregarán un importante operativo de seguridade para que todo transcorra segundo o previsto. Haberá, como é habitual, cortes de tráfico puntuais naquelas zonas por onde transcorra as cabalgatas, ademais de restricións de aparcadoiro que xa se avisaron en cada un dos seus ámbitos dende hai varios días.