'Marín en Rede', a plataforma do Concello de Marín orientada á dixitalización e a visibilidade da economía local da vila, xa ten habilitada a súa páxina web.
Está distribuída en varias seccións. Conta cun directorio dividido por categorías, no que cada un dos negocios, comercios e locais adheridos conta cunha ficha individualizada, que funciona case como unha 'mini-web' propia.
Nelas aparece unha pequena descrición do negocio, os servizos e produtos que pon ao dispor dos consumidores, o seu horario de apertura e os medios de contacto. Ofrece ademais unha pasarela directa para escribir por Whatsapp ou enviar un e-mail no caso de querer usar esas vías.
A páxina web, conta ademais cun espazo dedicado a explicar en que consiste esta plataforma, e cun blogue, no que se colgarán as novidades máis relevantes para os sectores do comercio e da hostalería, que poderán adherirse sempre que queiran completando o formulario habilitado.
Esta iniciativa, lanzada polo Concello como medida do seu Plan de Reactivación Local, súmase á estreada esta semana, #PonllesCara, na que os negocios contarán cun vídeo personalizado de presentación do seu comercio.
En canto á reapertura dos locais de hostalería, o Concello informa de que Marín en Rede ofrece a posibilidade de colgar a súa carta na súa ficha, de tal maneira que poida consultar comodamente desde o móbil, evitando o contacto coas cartas tradicionais, que deberían ser desinfectadas despois de cada uso.
Desta maneira, aqueles locais que estean adheridos poderán escribir directamente ao mail [email protected], achegando un documento de Word ou de PDF o contido da súa carta, con referencia de prezos preferiblemente.