Unha ducia de locais instalan terrazas no casco urbano de Marín no primeiro día da fase 1

Marín
11 de maio 2020

376 pantallas de protección e preto de 200 xeles foron repartidos en Marín nesta primeira xornada da fase 1. O Concello de Marín considera positivo que a grande maioría do tecido comercial da vila abrira xa as súas portas nesta primeira xornada

Terraza en Marín
Terraza en Marín

A primeira xornada da fase 1 da desescalada fixo que o Concello de Marín repartise 97 pantallas e 42 xeles hidroalcohólicos en barberías e 279 pantallas e 157 xeles en establecementos comerciais doutra índole.

Con esta acción mantense o plan iniciado a semana anterior cando xa se repartiron máscaras artesanais lavables, producidas polo voluntariado que coordinan os servizos municipais.

Este luns, as terrazas abriron no seu 50% de capacidade decretado polo Goberno central. Fontes municipais sinalan que ao redor de 12 establecementos instalaron as súas mesas en terrazas habilitadas no centro urbano. 

Aqueles establecementos que queiran solicitar unha ampliación da súa terraza deberán presentar a súa solicitude a partir de hoxe e nun prazo de 15 días. A proposta hai que realizala a través da sede electrónica ou facendo uso do Rexistro do Concello, previa solicitude de cita a través dunha chamada telefónica.

O Concello tamén ofrece a través da súa plataforma dixital Marín en Rede a posibilidade de subir online a carta do local á ficha que figura cos seus datos. Xérase un código QR personalizado que se pode imprimir polo establecemento para que sexa escaneado pola clientela.

Tamén a través da web de Marín en Rede, establecida polos servizos municipais, achégase unha guía coas medidas de prevención en materia de saúde. Esta guía ten como obxectivo que os hostaleiros a impriman e expóñana á clientela para calquera consulta.