Marín espera concluír a humanización de Concepción Arenal este mes de maio

Marín
11 de maio 2020

O proxecto, que tivo que suspender a súa execución ante as medidas gobernamentais do estado de alarma, mantén os prazos de conclusión previstos

Traballos de fresado na rúa Concepción Arenal de Marín Concello de Marín

O Concello de Marín continúa co proxecto de humanización da rúa Concepción Arenal. Unha actuación urbana que avanza de acordo cos prazos que se fixou a administración local de forma que se prevé que poida estar concluída a finais deste mes de maio.

O proxecto está confinanciado coa Axencia Galega de Infraestruturas, e esta segunda fase que se acomete conta cun investimento que supera os 653.000 euros. Este luns a obra centrouse nos labores de fresado e a partir de mañá seguirá coa pavimentación dos carrís de circulación.

A humanización de Concepción Arenal mellorará a mobilidade peonil e rodada nunha das vías centrais de Marín. Desta forma liquidaranse as conxestións de tráfico que se rexistraban pola estreiteza do antigo trazado dos carrís; e os viandantes gañarán espazo ao ampliarse as beirarrúas.

Ambas as dúas melloras conséguense coa supresión dunha das liñas de aparcamento.