Marín garda dous millóns de euros para posicionarse como vila turística

Marín
13 de setembro 2021

O Concello convoca unha reunión cos actores do sector turístico para presentar unha estratexia na que se englobarán os proxectos máis relevantes cos que impulsar un modelo de turismo de proximidade.

María Ramallo, alcaldesa de Marín Concello de Marín

O Concello de Marín apostará polo turismo. O goberno local fai pública súa concurrencia aos fondos dos Plans Turísticos de Sostibilidade en Destino (PSTD) a través dun plan propio no que se englobe unha batería de actuacións cos que posicionar a Marín como unha cidade con identidade turística.

Para identificar as principais ventás de oportunidade que ten a vila para crecer a nivel turístico, o Goberno local aproveitou os meses de verán para manter contacto estreito co sector privado e institucional e así detectar necesidades e ir trazando as actuacións que, finalmente, formarán parte da estratexia, á que o Concello asocia unha inversión necesaria de 2 millóns de euros.

Precisamente, a participación do sector na elaboración deste plan é un factor clave para o executivo que dirixe María Ramallo, que convocou unha mesa de participación para o mércores 15 de setembro pola tarde na que a alcaldesa presentará as liñas mestras do plan aos representantes do sector en Marín, para que poidan aportar a súa visión e mostrar o seu apoio a esta estratexia, que terá un desenvolvemento de varias anualidades, cun horizonte marcado no 2022-2024.

A situación estratéxica da vila, en pleno corazón das Rías Baixas e cercana a núcleos de poboación de maior envergadura, como Pontevedra, Vigo ou Santiago de Compostela, permite que se poida posicionar como un destino de escapada ou de proximidade.

Precisamente, toda a estratexia xirará en torno a potenciar ese tipo de turismo de calidade, coñecido como o turismo slow en destino, que se contrapón ao modelo de turismo de masas e que se centra no patrimonio, a cultura, o ocio sostible, os espazos naturais e a gastronomía local.

Para iso, plantexarase a xeración de novos produtos e equipamentos turísticos, pero sempre tendo en conta a idea de terreo sostible, incorporando en todo momento a dimensión ambiental en todas as accións do plan.

As actuacións que se incorporarán no plan articularanse en base a catro eixos: transición verde e sostible, eficiencia enerxética, transición dixital e competitividade.

Ramallo adiantou que despois da reunión que se manterá co sector, presentaranse as actuacións concretas do plan de xeito público a toda a cidadanía.