A Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín celebrará o vindeiro sábado 18 de agosto un acto en memoria de Carmen Pesqueira Domínguez, "A Capirota", unha veciña de Marín que foi asasinada durante o levantamento do exército fascista no verán de 1936 no Pozo da Revolta, no lugar de Bagüín. Segundo a asociación, tratábase dunha muller que loitaba polos dereitos da clase traballadora.
O evento comezará ás 11.30 horas e responde a un acordo unánime do Pleno do Concello de Marín celebrado o 9 de maio. Descubrirase unha placa conmemorativa na nova Praza e Xardín, unha zona que levará o nome desta veciña na Rúa da Roda.
Ademais da intervención da presidenta da asociación, Enriqueta Otero, tamén participará Xina Veiga, profesora da Universidade de Vigo e investigadora. Tamén actuará Xistra, dúo de música clásica e contemporánea, ademais de Picuíña, cuarteto tradicional de gaita.