Marín inicia as obras do colector xeral na Avenida de Ourense

Marín
08 de novembro 2018

Nesta primeira fase acometerase desde a altura do Concello ata a intersección coa rúa Carballiño. Anularanse os aparcadoiros e desprazarase o carril de circulación para permitir os traballos

Avenida de Ourense en Marín
Avenida de Ourense en Marín / Mónica Patxot

O Concello de Marín acaba de iniciar as obras do colector xeral na Avenida de Ourense co valado da zona afectada, a retirada de báculos e o transplante de árbores a distintas zonas. É unha actuación de interese xeral que é bastante complexa tal e como foi definida no plan de saneamento da ría.

O colector que se instalará substituirá ao existente e dotarase dunha nova impulsión.

O goberno local destacou o papel fundamental do Concello para garantir o bo funcionamento do sistema de saneamento de practicamente todo o termo municipal, eliminando as saídas de augas fecais á ría e freando a entrada de auga de mar que posteriormente vai á depuradora dos Praceres.

O orzamento de execución da obra é de 2,8 millóns de euros

A empresa adxudicataria COPCISA realizará cortes tanto nas beirarrúas como nas beiravías en todo o tramo que vai desde a intersección coa rúa da Estrada ata o inicio da praza Marqués de Valterra.

Nesta primeira fase acometerase desde a altura do Concello ata a intersección coa rúa Carballiño. Anularanse os aparcadoiros e desprazarase o carril de circulación para permitir os traballos. A empresa sinalizará toda a zona para que sexa visible para peóns e vehículos.

Esta primeira fase terá unha duración de dous meses, segundo a previsión da empresa adxudicataria.