Marín instala dous composteiros comunitarios na Cañota e no Sequelo

Marín
12 de maio 2020

Os colectores permanecerán inactivos mentres dure o estado de alarma porque antes de poñelos en marcha o Concello convocará aos veciños para explicarlles como funcionan

Composteiros comunitarios en Marín
Composteiros comunitarios en Marín / Concello de Marín

A compostaxe comunitaria chega a Marín. Despois do éxito dos modelos individuais das parroquias rurais e semiurbanas, o Concello dá un paso máis na xestión de residuos orgánicos coa instalación de dous módulos colectivos no barrio da Cañota e na contorna do colexio de O Sequelo.

Aínda que os colectores xa están instalados, o goberno local manteraos aínda inactivos ata que se supere a alerta sanitaria debido a que "sería preciso convocar ás persoas interesadas para explicar o seu funcionamento e iso non é posible facelo nestes momentos", puntualizan desde o Concello.

Con respecto ao mantemento dos mesmos, serán os operarios da Fundación Xoán XXIII, coa que o Concello colabora estreitamente, os encargados de controlar o proceso co obxectivo de promocionar a inclusión laboral e social das persoas con discapacidade.