A inminente celebración do Día de Defuntos e a tradición de acudir aos cemiterios para lembrar aos que xa non están fai que ano tras ano, antes desta cita, os servizos municipais centren os seus esforzos en liquidar todos os problemas que afectan a estes lugares para telos a punto para a chegada dos veciños. É o caso do Concello de Marín, cuxos operarios levan semanas traballando nos camposantos municipais.
As brigadas de xardinería están a acondicionar todas as zonas verdes e florais destes lugares. Ademais realizáronse todas as tarefas de mantemento naquelas zonas nas que era preciso. A estas actuacións súmanse os traballos de acondicionamento que levan a cabo os particulares.
Nun bando municipal, o Concello informou os propietarios da obrigación de realizar unha limpeza dos terreos, sepulturas e nichos, así como o pintado dos panteóns que non se atopen nas debidas condicións estéticas e de amornización co resto da contorna.
Con todo, antes de poñerse ao choio deberán informar o persoal encargado do cemiterio das actuacións que pretenden realizar.
Con respecto aos accesos, o Concello botou formigón no camiño de que acceso ao cemiterio da Raña desde a rúa Ezequiel Massoni e ademais ten previsto habilitar unha das leiras contiguas como aparcamento provisional para reforzar o servizo de estacionamento ante a ampla afluencia que se espera para estes días.