A tempada do Nadal está ao virar a esquina e no Concello de Marín traballan xa na organización de actividades que dinamicen o consumo na vila. As concelleiras Marián Sanmartín e Cristina Acuña reuníronse este xoves co xerente da asociación de comerciantes Estrela de Marín, Yonathan Carreira, para coordinar iniciativas que atraian ao maior número de clientes.
Unha das conclusións sacadas deste primeiro encontro céntranse en que a Alameda volverá contar cun carrusel e que o tren do Nadal volverá percorrer as rúas do centro da vila mariñeira cheo de alumnos dos centros educativos durante o mes de decembro.
Así mesmo, Concello e comerciantes coordinarán de forma conxunta a recepción de Papá Noel, que volverá na Alameda para visitar os centros educativos de Marín como leva facendo nos últimos anos.
Sobre o resto de actividades, o goberno local atópase agora inmerso en plena organización para poder ofrecer unhas festas nas que individuos de todas as idades dispoñan de eventos de entretemento interesantes, especialmente os máis pequenos da casa, que esperan durante todo o ano a chegada destas datas.