O Concello de Marín está a preparar a declaración institucional con motivo da conmemoración do 8M. No borrador do texto lémbrase que esta data ten como obxectivo "reivindicar a loita histórica da muller por conseguir a igualdade plena e real, mellores condicións laborais, a erradicación da violencia de xénero, a defensa dos seus dereitos e a xustiza social".
Esta declaración está pendente das achegas do Consello da Muller. Tras ser revisada, o Centro de Información á Muller (CIM) elaborará un novo borrador da declaración, que despois será trasladado de novo aos colectivos do Consello, para a súa revisión final e, de ser o caso, incorporar novas modificacións. Por último, levarase ao Pleno para a súa aprobación definitiva.
Neste 2021, marcado pola pandemia, a declaración do 8M terá moi presentes ás mulleres que traballan en primeira liña, tanto desde o ámbito sanitario como no sector servizos.
Desde o Concello terase en conta o grande impacto que a crise sanitaria está xerando especialmente nas mulleres, xa que agrava a brecha de xénero e as desigualdades que xa existían antes da pandemia.
Ademais, nestes momentos de crise intensificouse o traballo e o esforzo dalgúns sectores concretos, como o das traballadoras que tiveron que estar en primeira liña nos servizos esenciais, como o persoal sanitario, de limpeza e o sector alimentario, cun alto grao de presenza feminina.
A esas traballadoras é ás que se quere facer unha especial mención neste 8M, así como ás consecuencias do impacto da covid19, que en Marín deixa uns datos claros de cifras do paro, de 997 mulleres fronte a 717 homes.
Máis alá desta situación concreta sanitaria, no documento tamén hai mencións á realidade que viven as mulleres trans como consecuencia do machismo e da transfobia, estando excluídas do mercado laboral case o 80%.