Marín prepara a visita dos Reis Magos recuperando o seu tradicional percorrido para a cabalgata

Marín
03 de xaneiro 2023

A tradicional cabalgata dos Reis Magos recupera este ano o seu formato habitual en Marín, con saída o vindeiro xoves 5 de xaneiro ás 18.45 horas desde a Avenida de Ourense á altura de Nodosa

Cabalgata dos Reis Magos en Marín
Cabalgata dos Reis Magos en Marín / Concello de Marín

É unha as citas máis esperadas do ano, e tras dúas edicións marcadas pola pandemia a Cabalgata de Reis recupera o seu formato habitual en Marín.

A vila prepárase para recibir con todas as honras ás súas Maxestades de Oriente o vindeiro xoves 5 de xaneiro, cunha comitiva en forma de cabalgata que percorrerá o centro da localidade.

Os Reis Magos afrontarán o seu percorrido por Marín a partir das 18.45 horas.

Tras saír desde a Avenida de Ourense, á altura das instalacións de Nodosa, a caravana seguirá polas rúas Almuíña, Jaime Janer e Concepción Arenal para finalizar no Parque Eguren, xunto ao Templo Novo, no que se instalará o Belén Vivente organizado polo Concello e a Asociación Os da Caña.

Ademais da Cabalgata de Reis, os primeiros días de 2023 gardan outras citas na programación do Nadal de Marín como o Cine de Nadal no Cine Seixo o mércores 4 (17.30 horas, con entrada libre ata completar aforo), animación infantil na Alameda o día 5 de xaneiro e o Festival de Reis na Casa de Cultura de Carballido-Ardán ese mesmo día (16.30 horas).

Para completar a xornada festiva do 5 de xaneiro, ás 20.00 horas está previsto o sorteo dun xamón entre as compras realizadas na Feira de Artesanía instalada na Alameda.