Os Reis Magos recuperarán este 5 de xaneiro a normalidade pre pandemia en Poio e volverán visitar a poboación de todo o municipio, pero mantendo un dos cambios que chegou en 2022 e que resultou un éxito: a recepción real na carpa da Seca.
A visita comezará ás 10.45 horas no Casal de Ferreirós e, durante a mañá, visitarán todas as parroquias do municipio.
O percorrido real a todo Poio será en tres vehículos diferentes desde o parque Rosalía de Castro. Logo de pasar polos núcleos do Vao, A Caeira, A Barca e A Porteliña, a comitiva pasará por Costa Xiráldez (11.40 horas), Praza da Granxa de Campelo (12.00), Praza da Chousa de Combarro (12.30), Praza Romay Besada de Samieira (13.00) e porto de Raxó (13.20).
As visitas terán animación de varios grupos locais, como Vides Novas, Charanga 112, Batucada Os Queimatasas e Charanga Mil9.
Ás 14.00 horas está prevista a chegada da comitiva á Casa Consistorial, onde as maxestades serán recibidas polo alcalde, Luciano Sobral, e realizarán a tradicional saúda desde o balcón do Concello.
Pola tarde, farán unha ‘Ruta Real’ pola PO-308. Comezará ás 16.00 horas desde Ferreirós ata Raxó e, desde aí, a comitiva tomará rumbo cara a carpa da Seca, onde a gran celebración comezará ás 17.00 horas.
Este ano, as cativas e cativos volverán poder estar cos Reis Magos e achegarse a eles para abrazalos e trasladarlles as súas peticións de agasallos.
A concelleira de Cultura, Raquel Rodríguez, detallou este luns os detalles da visita real e explicou que "logo de dous anos onde as restricións sanitarias nos condicionaron de forma inevitable, volvemos recibir ás súas Maxestades de Oriente por todo o alto, nunha xornada que queremos que sexa máxica e inesquecible para as cativas e cativos de Poio".
"Queremos que sexa o broche de ouro á programación de Nadal e unha xornada máxica para gozar en familia", sinalou e tamén lembrou que desde hai varias semanas permanecen habilitados en diferentes emprazamentos do concello, incluída na propia carpa, as Caixas de Correo de Nadal, nas que se poden depositar as cartas para enviar aos Reis Magos.