Marín prepárase para poñer en marcha o viveiro de empresas

Marín
29 de xuño 2018

A delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, mantiveron un encontro para facer entrega das obras que se acometeron no local onde vai situarse este espazo de promoción da actividade empresarial

María Ramallo e Teresa Pedrosa no local do viveiro de empresas de Marín
María Ramallo e Teresa Pedrosa no local do viveiro de empresas de Marín / Concello de Marín

Despois deste verán comezará a actividade no novo viveiro de empresas de Marín, que terá como obxectivo ser un punto de encontro que permita poñer en marcha diferentes experiencias empresariais no sector da hostalería. 

Este espazo foi construído pola Autoridade Portuaria tras un convenio de ocupación que permitirá que o concello poida utilizalo con estes fins. A delegada da Zona Franca de Vigo, Teresa Pedrosa, e a alcaldesa de Marín, María Ramallo, reuníanse nas últimas horas para facer pública a entrega do local no que se realizaron as obras.

A proposta contempla crear un espazo no Porto de Marín que sirva para ofrecer espazos que permitan promover negocios empresariais.

Neste caso, seleccionouse o mundo da hostalería. As instalacións contan cunha zona ampla de cociña e  showcooking para fomentar a profesionalización dos emprendedores.