O novo viveiro de empresas na Zona Franca de Marín, acondicionado e listo para darse a coñecer

Marín
27 de xullo 2019

O vindeiro luns abrirá as súas portas para dalo a coñecer e ao longo das próximas semanas verán a luz as bases que posteriormente xestionarán o seu uso. Unha vez terminadas as obras, o local foi entregado pola Zona Franca e despois do verán arrincará a actividade que se pretende programar  

Sinatura do convenio para o viveiro de empresas de Marín
Sinatura do convenio para o viveiro de empresas de Marín / Concello de Marín

O  Concello de Marín confirma a posta en marcha do novo viveiro de empresas do municipio nun local construído pola Autoridade Portuaria e acondicionado en virtude dun convenio de ocupación demanial.

O vindeiro luns abrirá as súas portas para dalo a coñecer e ao longo das próximas semanas verán a luz as bases que posteriormente xestionarán o seu uso.

O obxectivo do proxecto que asumiu a Zona Franca é ter un espazo nun punto neurálxico e estratéxico como o Porto de Marín que sirva de punto de encontro e se destine a poder ofrecer espazos que xeren expectativas de negocio.

O viveiro está orientado ao mundo da hostalería, pretendendo poñer en valor este espazo cunha zona ampla de cociña e  showcooking.

Unha vez terminadas as obras, o local foi entregado pola Zona Franca e despois do verán arrincará a actividade que se pretende programar

O viveiro será xestionado polo propio concello a través dun convenio para a súa xestión que executará a Asociación de Xóvenes Empresarios. Trátase do mesmo modelo de xestión que xa funciona en Pontevedra e Vilagarcía.

O local acondicionouse utilizando como eixo central do mesmo o Espazo de demostración e arredor do cal se organizarán o resto de espazos.