A creación dun aparcamento para autocaravanas no termo municipal de Marín proposta polo BNG foi debatida este xoves no pleno e recibiu o apoio unánime de todos os partidos.
Satisfeitos polo apoio, desde a agrupación nacionalista instan o goberno local a iniciar os trámites necesarios para a habilitación deste recinto e remarcan que Marín "ten un gran potencial como destino turístico, pero a realidade é que a oferta hosteleira é moi limitada".
Insisten en que o turismo de autocaravana é unha modalidade que cotiza á alza e Galicia xa conta con máis de cen puntos de servizo público para este tipo de vehículos, ademais os datos da oficina de turismo de Marín revelan que este medio de transporte é o terceiro máis utilizado polas persoas que visitan a vila.
"Marín non pode quedar á marxe desta tendencia e debe buscar o lugar máis axeitado para acondicionar e ofrecer este servizo, xa que sería un atractivo para o turismo da nosa vila e que ademais sirva de beneficio económico no comercio local", sinalan os nacionalistas.