Marín presentará o seu plan de mobilidade nun acto aberto á cidadanía

Marín
14 de febreiro 2022

O Museo Municipal Manuel Torres acollerá o próximo 24 de febreiro o acto público no que o Concello de Marín presentará os detalles do seu plan de mobilidade urbana sustentable, o documento que servirá de folla de ruta para o futuro do municipio

Avenida de Ourense, Marín
Avenida de Ourense, Marín /

O Museo Municipal Manuel Torres acollerá o próximo 24 de febreiro o acto público no que o Concello de Marín presentará os detalles do seu plan de mobilidade urbana sustentable (PMUS), o documento que servirá de folla de ruta para o futuro do municipio.

Para participar neste encontro, que comezará ás sete da tarde, será necesaria inscrición previa

A convocatoria está aberta a todo o que queira coñecer os pormenores do plan que se está a elaborar en materia de urbanismo, mobilidade e mellora e optimización do espazo público.

Esta presentación contará coa intervención da alcaldesa, María Ramallo, que exporá cales foron as canles institucionais que houbo que poñer en marcha para a elaboración do PMUS e cales son os obxectivos do goberno local de cara a avanzar na construción de Marín.

Tamén intervirá un dos técnicos da empresa Proyestegal, que é a encargada de redactar este plan de mobilidade, que se enmarca dentro da estratexia Marín Dusi, cofinanciada nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional da Unión Europea.