Marín quenta motores para unha Festa Corsaria "moi intensa e pensada para todo o mundo"

Marín
11 de agosto 2023

O corsario Gago de Mendoza, acompañado da concelleira de Festas, Marián Sanmartín e a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, foron os encargados de difundir a información da festa, que se celebrará durante o venres 18 e o sábado 19 de agosto  

Presentación do programa da Festa Corsaria 2023
Presentación do programa da Festa Corsaria 2023 / Concello de Marín

A vila marinense viviu durante a mañá deste venres un aperitivo do que será a Festa Corsaria cun espectáculo que cautivou aos asistentes e a presentación do programa oficial do evento.

O corsario Gago de Mendoza, acompañado da concelleira de Festas, Marián Sanmartín e a concelleira de Turismo, Cristina Acuña, foron os encargados de difundir a información da festa, que se celebrará durante o venres 18 e o sábado 19 de agosto.

Durante e presentación, participaron tamén os nenos e nenas dos campamentos de conciliación municipais, que xa se adiantaron vestíndose como verdadeiros corsarios, así como moita veciñanza que, curiosa, se achegou ata o espectáculo.

Sanmartín destacou a fortaleza desta data dentro do calendario festivo de Marín que, a día de hoxe "ten máis mesas ca nunca", explicou. Lembrou tamén que esta fin de semana remata o prazo para solicitar un espazo.

A responsable de Festas asegurou que na hostalaría "tamén temos unha boísima aceptación e cremos que temos unha programación moi intensa e pensada para todo o mundo, especialmente na xornada do sábado".

PROGRAMA

A festa comezará o venres 18 de agosto ás 19:00 horas coa apertura do mercaro corsario na Alameda (ata as 00:00); a apertura das atraccións infantías na Alameda e no Parque Eguren (ata as 23:00); e o Espazo corsario, con obradroiros infantís na Rúa Real.

Ás 20:00 horas a animación correrá a cargo de Circocido, polas rúas de Marín; ás 20:30 Turdión/Grimorium amenizará a festa co pasarrúas musical e, ás 23:00, pechará a xornada o concerto de Ninghures, na Alameda.

O día forte da Festa Corsaria será o sábado 19 con actividades desde as 11:30 horas ata as 3:00 horas.

Precisamente ás 11:30 é a hora na que abrirá o Mercado corsario, as bases mariñas de Augusto Miranda e do Concello, a granxa escola (Méndez Núñez) e a Vila Marineira (Parque Eguren). Tamén a esa hora percorrerán o pregoeiro e as fanfarrias do século XVIII o casco urbano.

A partir das 12:00 horas, na Praza de España, comezarán os paseos en carroza de cabalos; abrirá o espazo corsario con obradoiros infantís da Rúa do Sol, e os talleres de escrima e tiro con arco no Parque Eguren.

Desde as 12:30 ata as 15:00 horas a Batucada Axé Bahía, Batucada Maracumbé, Turdión/Grimorium, e seres fantásticos, camiñantes, diaños, piratas e zancudos, percorrerán o centro urbano animando aos transeúntes. Repetirán pola tarde, entre as 19:00 e as 22:30 horas.

Ás 13:00, e ás 18:30 horas un fakir fará unha exhibición na Alameda e na Praza 8 de marzo, respectivamente; tamén haberá dúas exhibiciones de aves, unha ás 13:00 e outra ás 19:00 horas, ás 13:00 horas será o desfile da invasión inglesa polo casco urbano, ás 16:00 comezará o espectáculo infantil A Deusa dos Mares na Praza Fondo do Saco, e as 17.00, na Rúa do Sol, será o concerto de No Ar Kansas.

Na Alameda celebrarase a partir das 17:30 horas o espectáculo infantil A min a Garda, que será o preámbulo da apertura dos xogos populares. Ás 20:00 a Praza de España acollerá o espectáculo de escrima Touche, ás 21:30 horas será a invasión corsaria co gran desfile polo casco urbano, ás 22:00 Belle Pop animará a noite na Lameira; na fachada do Concello celebrarase o gran espectáculo 'O corsario de Marín' a partir das 23:00 horas, e o fin da festa correrá a cargo do Dj Jorge Álvarez e Dj Adrián Gold cunha sesión na Alameda entres as 00:30 e as 3:00 horas.