O Concello de Marín está a executar na parroquia de Ardán a renovación integral e mellora da eficiencia enerxética de 41 puntos de luz para reforzar este servizo na zona.
A renovación integral do alumeado público desenvólvese na estrada Vilaseca-O Pazo e supón unha inversión de 48.300 euros. Esta actuación divídese en dous tramos.
Por unha banda, na zona de Vilaseca estase procedendo a renovar a instalación e estanse colocando novos puntos de luz para facer máis extensa a rede de alumeado.
No que respecta ao tramo do Monte de Víos, estase a instalar un novo alumeado, xa que non se contaba con este servizo nesta contorna.
En total, en todo o proxecto, renovaranse 20 puntos de luz e instalaranse outros 21 novos para reforzar a seguridade viaria en toda a zona.