Marín renovará a rúa Tiro Naval Janer e resolverá os problemas de accesibilidade á Finca de Briz

Marín
25 de febreiro 2025

O proxecto de urbanización desta rúa foi presentado polo Concello ao Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra para acadar unha financiación de cerca de 1,5 millóns de euros

Rúa Tiro Naval Janer Concello de Marín

A alcaldesa de Marín, María Ramallo, anunciou que o proxecto de urbanización da rúa Tiro Naval Janer foi presentado ao Plan Extraordinario da Deputación de Pontevedra para acadar unha financiación de cerca de 1,5 millóns de euros.

Na actualidade, a Rúa Tiro Naval Janer dispón dun sentido único de circulación, con aparcadoiro en liña sen delimitar na marxe esquerda, dúas prazas de mobilidade reducida repartidas ao longo do seu trazado e beirarrúas en ambas marxes con ancho variable.

Esta estrutura urbana non é a máis adecuada e por iso actuarase ancheando as beirarrúas, reducindo deste xeito o ancho da calzada ao propio dun único carril e mellorando a sinalización horizontal da liña de estacionamento, que se manterá na súa totalidade. Fomentarase o calmado da velocidade do tráfico, que redundará nun aumento da seguridade viaria na zona.

Ademais, renovarase completamente a rede de saneamento e augas pluviais e establecerase a conexión co colector da marxe dereita do río Lameira.

A maiores, substituiranse todas as fontes de luz actuais por luminarias tipo LED.

Outro dos puntos clave do proxecto será a mellora da accesibilidade á Finca de Briz, xa que aínda que a Rúa da Costa conta cun itinerario peonil, este presenta unha pendente do 20% e polo tanto está fóra de toda a normativa actual en materia de accesibilidade.

Persoas maiores, con mobilidade reducida, carriños de bebés, nenos con instrumentos musicais... son só algúns dos perfís que acoden decotío a estas dependencias, así como moitas familias que van gozar do entorno.

Para resolvelo, o proxecto contempla a instalación dun andén móvil de 31 metros que salve esa pendente existente entre Tiro Naval Janer e o acceso principal á Finca de Briz, cuberta cunha pérgola vexetal coa que embelecer a instalación e que á súa vez aumente a vexetación, actualmente inexistente na zona.

Con esta intervención de humanización, dáse continuidade ás melloras que xa foron realizadas, por unha banda, na Rúa do Forte, que tamén é unión entre o centro e o cinturón litoral, e na súa segunda fase (coa execución pendente de licitación e que forma parte do Plan de Sostibilidade Turística), e, por outra, á mellora da Rúa José del Río, que circunda á Finca de Briz.