O Concello de Marín está levando a cabo durante estas xornadas a inspección e mellora dos espazos infantís da vila aos que acoden os máis pequenos. Unha vez detectados os danos nos aparellos de xogo dos parques infantís, realízanse os labores de mantemento necesarios.
A concelleira de Parques e Xardíns, Cristina Acuña, explica que estase a actuar "especialmente nos parques da Virxe do Carme, no Parque Eguren e na Finca de Briz".
Na urbanización da Virxe do Came, xa se substituíu unha escaleira dun equipo combinado que estaba rota e un poste. Ademais, reparáronse 40 metros lineais do elemento de madeira que delimita o céspede artificial.
No Parque Eguren, asegurouse de xeito provisional a peza dun elemento que estaba rachada, á espera de que en breve chegue o recambio e se poida deixar totalmente reparada.
No que respecta ao parque infantil da zona alta da Finca de Briz, chorreouse e aplicóuselle un produto á madeira para facilitar a súa conservación. No parque do estanque, tamén foi chorreado todo o caucho e pintáronse dous elementos. Na área dos xogos musicais, substituíronse as madeiras que se atopaban en mal estado e renováronse baquetas e cordas avariadas. Tamén se levou a cabo o borrado de varios graffitis.
Por outra banda, independentemente de todos estes labores do día a día de mantemento dos espazos públicos destinados á infancia, a brigada de Limpeza realiza limpezas e desinfeccións constantes.