Aprobado no pleno municipal de Marín a nova proposta de ampliación das Zonas 2H de aparcadoiro.
Tralo éxito acadado na ordenación do estacionamento desde hai un ano, o Goberno local impulsou esta nova proposta coa que habilitarán e mellorarán novos aparcadoiros públicos e gratuítos no casco urbano.
Deste xeito, as novas rúas que contarán coa limitación de 2 horas serán: a zona próxima á Praza de Abastos onde repartirán 20 prazas entre as rúas Exército e Marina; a zona do Centro de Saúde, que contará con 15 prazas situadas na rúa Mestre Landín Pazos; e outras 12 prazas estarán na rúa Méndez Núñez. Outras 11 irán na zona de Jaime Janer; 20 na Rúa da Ponte e, finalmente, na Avenida de Ourense estarán dispoñibles desde o cruzamento da rúa Carballiño ata o cruce coa rúa José Trasande, pola beira dos edificios.
Segundo explicou o concelleiro de Tráfico e Mobilidade, Francisco Estévez, "esta ampliación pasará o correspondente período de exposición pública para logo poder aprobalo de xeito definitivo". O obxectivo do goberno local é que as novas Zonas 2H poidan estar operativas "antes do inicio do verán".
A ZONA 2H consiste nun sistema de estacionamento con horario limitado nas rúas máis céntricas e con maior dinamización da vila co fin de permitir aparcar o coche durante dúas horas e despois movelo e así deixar un espazo dispoñible para outro vehículo.
Esta rotación convertiuse en "fundamental", xa que coa posta en marcha da medida, apoiada tamén na habilitación e mellora dos aparcadoiros públicos gratuítos que hai por todo o casco urbano, facilitouse o estacionamento para incentivar os recados, as compras e mesmo o consumo en xeral.