Durante todo o mes de decembro, o goberno municipal de Marín quere testar o funcionamento do novo contedor marrón, o destinado para residuos orgánicos.
Para iso, desenvolverá unha proba piloto nos establecementos de hostalaría e nos comedores colectivos, sectores que xeran unha maior cantidade de residuos orgánicos.
O novo contrato de residuos contempla a colocación duns 80 contedores marrones por toda a vila e que, unha vez instalados, estarán abertos ao uso de toda a cidadanía.
O obxectivo desta proba piloto é testar o sistema, avaliar os volumes que se xeran e garantir que a separación e clasificación dos biorresiduos se realiza correctamente.
Nunha primeira fase, os establecementos de hostalaría e comedores colectivos participarán mediante un sistema de chave previamente acordado co Concello, facilitando así un control preciso do uso e da correcta separación.
Instalaranse seis contedores na Avenida de Ourense e na Rúa Ezequiel Massoni, principalmente.
A participación destes establecementos permitirá avaliar non só a cantidade total de biorresiduos xerados, senón tamén o grao de pureza da fracción orgánica, un aspecto esencial para o posterior tratamento e compostaxe.
Unha vez rematada a proba piloto e cheguen os novos contedores incluídos no contrato, o servizo ampliará o seu funcionamento ao conxunto do municipio.
Desta maneira, toda a cidadanía poderá separar os seus residuos orgánicos no contedor marrón, completando así o modelo de recollida selectiva e contribuíndo ao cumprimento das directivas ambientais europeas, que esixen a separación da fracción orgánica en todos os municipios.