"Marín vai a pique e sen freos" alerta o BNG ante os mínimos demográficos rexistrados

Marín
05 de decembro 2025
Actualizado: 9:57

Os últimos datos do INE e do IGE confirman que o concello baixa da barreira dos 24.000 habitantes tras perder 113 persoas nun só ano

Vista aérea de Marín
Vista aérea de Marín / Concello de Marín

Marín volve acender todas as alarmas demográficas. O BNG local advertiu esta semana dunha situación "moi preocupante" que, ao seu xuízo, require unha reacción inmediata por parte do goberno municipal.

Os últimos datos do INE e do IGE confirman que o concello baixa da barreira dos 24.000 habitantes tras perder 113 persoas nun só ano, "e acumula unha caída de 1.888 residentes desde que o PP asumiu a Aalcaldía", destaca o BNG.

En termos relativos, a baixada é do 7,3% e sitúa Marín entre os municipios galegos con peor evolución da última década. Hoxe é o terceiro concello de Galicia que máis poboación perde e figura tamén entre os cinco con maior retroceso demográfico, só por detrás de Fene, Redondela, Guitiriz e A Fonsagrada. 

Segundo estas mesmas estatísticas, a caída sostida da poboación prodúcese nun contexto marcado por varias debilidades estruturais. O saldo vexetativo é moi negativo, a poboación está claramente envellecida e o tecido produtivo resulta feble, como apunta as 1.325 empresas coas que conta Marín, na súa inmensa maioría microempresas, "practicamente sen compañías medianas e ningunha de gran tamaño". Para o BNG, esta realidade evidencia unha economía pouco diversificada e con escasa capacidade para xerar emprego estable.

A situación reflíctese tamén no mercado laboral. O sector servizos, que é o motor económico da vila, concentra arredor do 80% do paro rexistrado, con máis de 780 persoas desempregadas. Un dato que, segundo a formación nacionalista, mostra a dependencia dun único sector e as dificultades para ofrecer oportunidades reais á mocidade. Mentres concellos próximos lograron estabilizar ou mesmo aumentar poboación, Marín continúa perdendo peso demográfico e económico, algo que o BNG interpreta como mostra da ausencia dun proxecto municipal capaz de anticipar cambios e dinamizar a economía.

Outro sinal de alarma é a practicamente inexistente creación de vivenda nova. Segundo o IGE, o ano pasado só se remataron oito vivendas en todo o concello, unha cifra "claramente insuficiente", valoran, para reter poboación ou facilitar a chegada de novos residentes, incluídas as persoas mozas que buscan emanciparse.

A falta de oferta residencial súmase así a outras preocupacións expresadas por colectivos sociais e profesionais como un modelo urbanístico pouco definido malia contar cun PXOM vixente desde hai 14 anos, a ausencia dunha estratexia económica clara e a dificultade de crear condicións atractivas para que mocidade e familias poidan desenvolver o seu proxecto de vida.

Para o BNG, o diagnóstico é evidente: Marín precisa un cambio de rumbo urxente.

"O resultado das políticas do PP é un concello da fachada atlántica cun comportamento demográfico de interior que envellece, mingua e perde capacidade para atraer e reter poboación activa", afirman dende o Bloque.

A formación nacionalista subliña que os datos "falan por si sós" e apuntan a unha mesma dirección que son os "catorce anos de goberno municipal sen un proxecto sólido que permita reverter a tendencia". "Os números evidencian esta realidade, por moito que María Ramallo intente fuxir dela", conclúen.