Marín volverá facer memoria para render homenaxe a Carmen Pesqueira, 'A Capirota'

Marín
16 de agosto 2023

O acto, organizado pola ARMH de Marín, comezará ás 13:00 horas do venres 18 de agosto na praza e xardín que leva o seu nome, na rúa da Roda. Intervirá Montse Fajardo, xornalista, escritora e investigadora, e haberá acompañamento musical de A Revolta

Carmen Pesqueira "A Capirota" Asociación de Recuperación de Memoria Histórica de Marín

Marín volverá lembrar este 18 de agosto a Carmen Pesqueira Domínguez, 'A Capirota', asasinada no Pozo de Revolta, no lugar de Bagüín, neste día do ano 1936, vítima da represión franquista. 

O acto está previsto na praza e xardín que levan o seu nome, na rúa da Roda, a partir das 13.00 horas do venres 18. 

Organizado pola Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, contará coa participación da xornalista, escritora, investigadora e ata xullo responsable técnica do Departamento de Memoria Histórica da Deputación de Pontevedra Montse Fajardo

A homenaxe contará tamén co acompañamento musical de A Revolta.

A ARMH de Marín lembra que Carmen Pesqueira foi unha muller "valente e loitadora polos dereitos das traballadoras e traballadores" que resultou "vítima da barbarie fascista que quixo silenciala dun xeito vil e covarde", asasinada "para escarmento das que ousaran levantarse aínda que só fora coa palabra contra o novo réxime implantado polos militares golpistas". 

A pesar do seu asasinato, insisten en que non a borraron da memoria "nin puideron evitar que ata nos chegara o exemplo e a semente da súa vida, arrebatada por alzar a súa voz reivindicativa ante la opresión e berrar as inxustizas".

O colectivo convocante, integrante da Iniciativa Galega pola Memoria, lembra que as asociacións de memoria levan anos pedindo que a impunidade dea paso á xustiza, "porque o dereito á verdade e á reparación que esixen as vítimas é un deber moral da democracia".