A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue visitou este xoves a parcela P-14 de Valdecorvos co galo da publicación da licitación das obras para a construción de 56 vivendas por parte da Sociedade Pública de Vivenda de Galicia (VIPUGAL). "Para min é un pracer estar na miña cidade e máis falando de vivenda pública", dixo.
A Xunta ampliou o prazo de presentación das ofertas ata o 9 de setembro ao ser agosto un mes complicado polas vacacións e tamén porque así o solicitaron dende a Federación Galega da Construcción "pois é tal a cantidad de obra pública que estamos a licitar ao longo de Galicia que xa é complicado acceder a todas as ofertas".
A Xunta fai un investimento nesta actuación de 9,3 millóns de euros.
O inmoble para estas 56 vpp distribuirase en tres bloques independentes de catro plantas de altura e baixo cuberta, ademais de garaxes, rochos e locais. As obras terán un prazo de execución de 18 meses.
Martínez Allegue destacou que VIPUGAL traballa "ao máximo rendemento" para atallar o problema do acceso á vivenda e puxo en valor que a obra de Valdecorvos é a primeira que licita a Sociedade Pública de Vivenda de Galicia.
A conselleira lamentou a "falta de compromiso" do Goberno central e do Ministerio de Vivenda, "que promete milleiros de vivendas e nin tan sequera ten licitada a primeira" o mesmo que "uns supostos préstamos ICO que en Galicia non accedemos", dixo.
A conselleira tamén preguntou por "esa suposta Sociedade Estatal da que non temos información da súa actividade".
"Para o Goberno galego o acceso á vivenda é máxima prioridade e debería selo tamén para o resto das administracións", sentenciou.
En Valdecorvos, a Xunta ten en marcha na actualidade 236 vivendas de promoción pública.
Delas, 74 están en construción e xa se celebrou o sorteo para a súa adxudicación provisional, ás que hai que sumar estas 56 cuxas obras se autorizan hoxe e outras 48 cuxa construción licitarase tamén proximamente na P17.
Así mesmo, está adxudicada a redacción dos proxectos para converter 4 baixos en vivendas, ao que se suma a licitación da redacción do proxecto para 54 vivendas na parcela P19.
A maiores, a Xunta ten licitada a redacción do proxecto para a construción doutras 53 vivendas públicas na parcela de Tafisa cedida polo Concello, así como tamén a redacción do proxecto para outras 11 vivendas na parcela das Devesas, igualmente cedida pola Administración local.
A conselleira quixo "agradecer de novo o altruísmo do Concello de Pontevedra nesas cesións"