Masa Crítica denunciará aos coches "estacionados irregularmente" na PO-308

Poio
04 de xuño 2016

O colectivo ciclista anuncia que a partir do 15 de xuño denunciará ante as autoridades aos vehículos que estacionen entre o quilómetro 3,5 da estrada, xunto ao Asador O Remo, ata Combarro, ao tratarse dun tramo con limitación a 70 e que "polo tanto non ten a consideración de travesía ou vía urbana"

Unha persoa en bicicleta
Unha persoa en bicicleta / Mónica Patxot

O colectivo ciclista Masa Crítica denunciará ante as autoridades, a partir do 15 de xuño, aos coches "estacionados irregularmente na PO-308".

Refírese Masa Crítica aos vehículos aparcados na beiravía da estrada entre o quilómetro 3,5, xunto ao Asador O Remo, e ata Combarro.

Trátase dun tramo con limitación a 70 quilómetros por hora e "polo tanto non ten consideración de travesía ou vía urbana", sinalan, a pesar de contar cun importante tránsito peonil e ciclista "porque moitos mozos desprázanse de Combarro ou Poio aos complexos deportivos da Seca".

O artigo 39 da Lei de Tráfico e Seguridade Viaria especifica que en vías interurbanas os vehículos deben estacionarse fóra da calzada, deixando a beiravía transitable.

"Queremos facer fincapé en que esta práctica está permitida irregularmente polas administracións, tanto a DXT como a Policía Local de Poio", sinala Masa Crítica, que considera este feito como grave por sitúar nunha situación de perigo aos usuarios máis vulnerables, os peóns e os ciclistas. Ademais, aseguran, esta situación dificulta o cruzamento de peóns ao reducir a visibilidade.

O colectivo ciclista insta por último á Xunta de Galicia, titular da estrada, a que adapte o deseño da PO-308 a unha travesía, con beirarrúas e limitación a 50 quilómetros por hora, o que permitiría que os coches estacionasen na zona.