O Concello de Soutomaior ten todo listo para celebrar o día máis máxico do ano.
A xornada comezará o luns, 5 de xaneiro, ás 10:30 horas na Casa da Cultura Rexina Míguez Noval cos Contos Reais. A continuación, entre as 11:00 e as 11:30 horas, terá lugar a recepción oficial dos Reis Magos, antes de iniciar o seu percorrido polos barrios do municipio.
O itinerario levará a Melchor, Gaspar e Baltasar a distintos puntos de Soutomaior, con paradas en Romariz (11:40), Comboa (12:00), Aranza (12:30), Cortellas (12:45), Moreira (13:15), Lourido (13:30), Val Sobral (13:45), Rial (14:00) e Alxán (14:15), onde finalizará a ruta.
O Concello lembra que os horarios son aproximados e poden sufrir lixeiros atrasos segundo a duración das visitas.
Pola tarde, a cabalgata partirá ás 17:30 horas desde o Cruce do Viso e percorrerá as rúas Xosé Solla, Rosalía de Castro e Tallo Río, onde finalizará ao redor das 18:45.
O desfile contará cun tramo silencioso desde o inicio ata o cruzamento da Praza de Cima de Vila de Arcade. Ademais, haberá préstamo de auriculares e un acceso prioritario na recepción final para persoas con diversidade funcional.
As carrozas estarán acompañadas por un carruaxe de fantasía, personaxes de animación doce como galletas de xenxibre, ninfas máxicas, k-popers ou coches clásicos 600. Ademais, repartiranse máis de 400 quilos de caramelos sen gluten.
A xornada culminará na Carpa de Nadal de Talo Río cunha Recepción Real a partir das 19:15 horas, onde os nenos e nenas poderán charlar cos Reis Magos e sacarse fotografías.
OPERATIVO ESPECIAL DE TRÁFICO
Con motivo da Cabalgata, o Concello activará un plan especial de tráfico desde as 17:15 horas.
Prohibirá o estacionamento na Avenida Xosé Solla (entre o cruzamento de Cochón e Abanca) desde as 14:00 horas e establecerá desvíos provisionais desde a N-550 ata Rosalía de Castro, con circulación alternativa pola Coutada, Roxelio Landeiro e O Conde (que será de dobre sentido).