Medio Ambiente autoriza as obras de mellora en 23 quilómetros de sendeiros marítimos de Sanxenxo

Sanxenxo
26 de abril 2015

Son cinco sendas que discorren por Sanxenxo, Areas, Canelas, Montalvo, Major e A Lanzada

Valado no acceso a ermita da Lanzada Concello de Sanxenxo

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas trasladou ao Concello de Sanxenxo a autorización necesaria para acometer unha serie de obras en varios sendeiros que se encontran na zona de servidume de protección do Dominio Público Marítimo-Terrestre.

Trátase concretamente de 23 quilómetros de sendeiros marítimos en Sanxenxo, Areas, Canelas, Montalvo, Major e A Lanzada.

As obras consisten no acondicionamento dos sendeiros para a súa posta en valor e para desfrute dos veciños, centrándose na sinalización e información que se recolle no proxecto de miradoiros e sendeiros azuis do municipio.

As cinco sendas nas que se actuará son: a que une Sanxenxo e Portonovo (9.735 metros), o sendeiro litoral de Areas- Punta Festiñazo (738 metros), de Canelas a Cabicastro (de 3.237 metros), de Montalvo a Major (6.556 metros) e o sendeiro máxico da Lanzada (3.194 metros).

As obras deberán iniciarse nun prazo máximo de catro meses.