Medio Ambiente dá luz verde, con condicións, ao novo polígono residencial de San Amaro

Pontevedra
24 de febreiro 2026

Os técnicos piden afondar na protección dos bens de patrimonio cultural, a integración paisaxística, a protección dos leitos fluviais, o saneamento e abastecemento de auga ou estudos sobre o tráfico

Terreos de San Mauro onde está prevista a creación de 2.040 vivendas
Terreos de San Mauro onde está prevista a creación de 2.040 vivendas / Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas

O ámbito de San Amaro, no que a Xunta de Galicia prevé construir algo máis de 2.000 viviendas, a maioría delas en réxime de protección pública, xa conta co aval ambiental.

O informe, emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, establece que "non son previsibles" que se produzan "efectos adversos significativos" derivados do desenvolvemento deste polígono residencial.

Con todo, os técnicos inclúen diversos condicionantes ao proxecto.

Así, reclaman afondar en aspectos como a protección dos bens de patrimonio cultural, a integración paisaxística, a protección dos leitos fluviais, o saneamento e abastecemento de auga ou estudos sobre o tráfico, a mobilidade ou o ruído na zona.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación ambiental estratéxica simplificada desta iniciativa, que está a ser tramitada como proxecto de interese autonómico (PIA) para acurtar os prazos.

O ámbito de actuación do PIA é un espazo de máis de 20 hectáreas de extensión ao sueste da cidade de Pontevedra, entre a avenida Conde de Bugallal, a estrada PO-542 e a Rolda Leste, quedando excluída unha parcela edificada situada no seu interior. 

Nesa zona prevese construír algo máis de 2.000 vivendas, das que máis do 80% serán protexidas e o resto -incluída unha zona reservada para vivendas unifamiliares- libres.

A maiores, están previstas 2.665 prazas de aparcamento, das cales 655 serán de dominio público e situaranse nos viarios e nunha área específica na zona central do ámbito.

As zonas verdes públicas dispóñense ao logo do regato da Ponte do Couto e na contorna, a modo de corredor verde, e establécense tamén tres reservas de solo para a dotación de equipamentos públicos.

Engade Pontevedra Viva como fonte preferida de Google de balde

Mantente informado coas últimas noticias de actualidade.

Activar agora