Medio milleiro de pombas menos en Marín tras as campañas de control

Marín
28 de marzo 2017

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Marín puxo en marcha a campaña de control de dúas especies que causan graves problemas no municipio, segundo o goberno municipal: as pombas e as gaivotas

Pombas na mesa dunha terraza dun local de hostalería
Pombas na mesa dunha terraza dun local de hostalería / Mónica Patxot

Por terceiro ano consecutivo, o Concello de Marín puxo en marcha a campaña de control de dúas especies que causan graves problemas no municipio, segundo o goberno municipal: as pombas e as gaivotas.

Ata agora, o control poboacional da pomba común arroxou uns resultados "óptimos" xa que no último ano logrouse reducir en máis de 550 exemplares o número de aves desta especie no municipio.

Todo iso conseguiuse, destacou o Concello, a pesar dos pombais "incontrolados" que existen en edificios antigos ou os puntos de alimentación que hai nas zonas de descarga de gran do porto.

En canto á gaivota patiamarela, en 2016 retiráronse 117 niños, que contiñan 140 ovos e 48 pitos. En total, revisáronse 291 tellados no municipio, un 83,02% máis que o ano anterior. 

Ademais do servizo de retirada e control, o Concello tomou unha serie de medidas para facilitar a redución da poboación destas dúas especies.

Así, retirouse o lixo do exterior do mercado, eliminando un punto de alimentación para as gaivotas da zona; e instouse aos propietarios de edificios en mal estado con pombais incontrolados para que adopten as medidas correctoras oportunas.

Todos os métodos empregados, aclaran desde o goberno municipal, son ecolóxicos e incruentos para os animais e en todo momento cóntase cos permisos de medio ambiente para a intervención destas dúas especies.

O inicio do novo servizo de control poboacional da pomba común iniciouse neste mes de marzo e, no caso da gaivota, comezará en maio.