Medio Natural mellorará a iluminación do parque infantil de Campolongo

Pontevedra
26 de febreiro 2020

A actuación, que será executada pola firma Setga cunha achega de 4.800 euros, suporá a instalación de dúas columnas con luminarias de aluminio ultrarresistente a condicións climáticas adversas

O concelleiro Iván Puentes no parque infantil de Campolongo Concello de Pontevedra

A empresa especializada Setga será a encargada de executar o proxecto co que a Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural pretende optimizar as condicións de iluminación do parque infantil de Campolongo.

A actuación foi contratada cun orzamento de 4.817 euros e traducirase na instalación de dúas columnas con luminarias modelo Essenze, elaboradas cun corpo compacto de aluminio ultrarresistente ao efecto degradante de ambientes agresivos e cun deseño que fusiona as tendencias contemporáneas da industria automobilística coa estética centro europea.

O Servizo Municipal de Parques e Xardíns contratou este proxecto despois de efectuar un estudo en profundidade para determinar as necesidades lumínicas do parque de Campolongo. O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, o socialista Iván Puentes, asegura que esta intervención "permitirá que os pequenos e as súas familias poidan desfrutar desta concorrida zona de xogo a calquera hora do día, en condicións de seguridade e de boa visibilidade ".

Seguindo a filosofía que Iván Puentes tenta aplicar a tódalas actuacións impulsadas dende o seu departamento, cada unha das novas luminarias "é o resultado dun proceso industrial altamente sostible, caracterizado pola capacidade de reciclaxe e a optimización dos materiais empregados".