Medio Rural dá luz verde á instalación de asadores no Lago de Castiñeiras

Marín
28 de xuño 2017

Durante 2017 executarase a instalación como proxecto piloto para comprobar a seguridade dunha edificación deseñada especificamente para esta finalidade nunha declarada de alto risco de incendios forestais

Deseño de asador escollido para o Lago de Castiñeiras
Deseño de asador escollido para o Lago de Castiñeiras / Concello de Marín

A Consellería do Medio Rural confirmou ao Concello de Marín a autorización para instalar asadores na zona recreativa do Lago de Castiñeiras, a pesar de ser unha zona declarada de alto risco de incendios forestais, especialmente durante o verán.

Esta actuación está contemplada na actualización do Plan de Prevención e Defensa contra Incendios de Galicia (PLADIGA).

Medio Rural deu o visto e prace aos asadores como proxecto piloto para comprobar a seguridade dunha edificación deseñada especificamente para preparar alimentos con lume dentro dunha área recreativa, de tal modo que se a experiencia resulta satisfactoria empezaría a autorizar o seu emprego noutros municipios que se atopan en zonas de risco de incendios.

Segundo indica a administración autonómica, este proxecto piloto executaríase xa este mesmo ano 2017.

Desta forma Marín poderá cumprir coas demandas de veciños e usuarios cunha iniciativa que busca o equilibrio entre o dereito dos cidadáns de gozar do medio ambiente coa necesidade de previr a ameaza dos incendios forestais, sobre todo en épocas de alto risco.